Friday 17 de May de 2024

O primeiro estudo sobre o Hipersector TIC sitúa a Galicia no sexto posto estatal


O Hipersector TIC emprega a 20.601 traballadores e achega o 2,5% do PIB de Galicia

O Hipersector TIC galego concentra un total de 3.159 empresas e dá emprego a 20.601 persoas, o que sitúa a Galicia como a sexta Comunidade en volume de empresas desta área. Son as cifras que sinala o primeiro estudo sobre o Hipersector TIC na Comunidade, elaborado polo Observatorio da Sociedade da Información en Galicia (Osimga), adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).

O Hipersector TIC galego está composto nun 70,7% por empresas do sector tecnolóxico e nun 29,3% por empresas do sector de contidos e servizos audiovisuais. As actividades de programación, consultaría e outras actividades relacionadas coa informática son as que aportan un maior número de entidades ao subsector TIC (1.223), o que representa un 38.7% no conxunto do Hipersector TIC, mentres que as edicións de libros, xornais e outras actividades editoriais son as máis numerosas do subsector Contidos e representan o 12.6% do conxunto do Hipersector TIC.

A estrutura empresarial do Hipersector caracterízase pola presenza maioritaria de microempresas, así catro de cada cinco contan con dous ou menos asalariados no seu cadro de persoal.

Potencial exportador do sector contidos dixitais
O volume de exportacións do hipersector TIC superou os 50 millóns de euros no ano 2013. O 94,3% das exportacións corresponden ao subsector TIC e están TIC e están centradas fundamentalmente en equipos de telecomunicacións.

Sen embargo, en 2013 as importacións do sector TIC superaron ás exportacións, o que motiva que tanto no propio sector tecnolóxico como no conxunto do Hipersector TIC, a balanza comercial resulte negativa.

No caso contrario, está o sector de contidos que presenta un significativo potencial do comercio exterior cunha unha balanza comercial positiva. Destacan as exportacións das actividades relacionadas coa edición de libros, xornais e outras actividades editoriais. que superan os 2.600.000 euros

Galicia, sétima Comunidade Autónoma con maior número de traballadores en I+D
O estudo aborda tamén a innovación tecnolóxica na totalidade do tecido empresarial galego. Un total de 1.092 empresas galegas de 10 ou máis traballadores realizaron actividade innovadora no ano 2012. Analizando un período más amplo (anos 2010 – 2012), o número de empresas ascende a 2.023, o que representa un 23.5%. A nivel estatal, Galicia ocupa a sexta posición no ránking de empresas innovadoras no ano 2012.

As empresas galegas investiron máis de 606 millóns de euros en innovación tecnolóxica en 2012. O gasto, ao contrario que no resto do Estado, medrou no ano 2012. Especificamente en canto ás innovacións tecnolóxicas, as empresas galegas resultaron especialmente activas no relativo á innovación de procesos, onde tiveron lugar 1.035 experiencias empresariais.

O investimento en I+D no ano 2012 por parte das empresas galegas ascende a máis de 487 millóns de euros, o que supón o 3.6% do total estatal.

Galicia é a sétima Comunidade Autónoma con maior número de traballadores en I+D a xornada completa, dando emprego a 9.509 traballadores. No período 2010-2013 rexistráronse no Hipersector TIC galego 11 patentes e 2 modelos de utilidade.